A «Supervivencia» dos sons lugueses

Hai 5 anos nacía en Monforte de Lemos un dúo acústico que derivaba das experiencia dos seus compoñentes. Inspirados neles mesmos e no seu pasado, cun son sinxelo mais depurado, comezaron a súa andaina ata que en 2009 se converte nun proxecto en solitario dun dos seus membros, Caetano Vázquez. Cun enfoque máis creativo, xorde a gravación de Supervivencia, un disco que recolle dez temas de música alternativa.

Supervivencia é o último traballo musical incluído na serie “Son Lugueses”, unha colección de proxectos musicais editados e financiados pola Fundación TIC para impulsar os artistas da provincia e que hoxe foi presentado no Centro de Producións e Programas.

O CD Supervivencia de La Cuarta Pared presentarase proximamente en Monforte e durante o verán percorrerá Galicia nunha xira que tamén está pechada.

Máis información | A Fundación TIC edita o CD do grupo monfortino «La Cuarta Pared» que se presentará en xira por Galicia no verán

Deixa un comentario

Os produtos de Granada?

Con todo o día de mañá por diante, que mellor que compartilo coas amizades e a familia arredor dunha boa mesa. Se che presta un cocido, só tes que xuntar botelo, un bo lacón, algúns chourizos. Como aperitivo, sempre triunfan uns embutidos e para beber, un mencía. Se acabamos cunha sobremesa cunha rosca de Vilalba e un pique de queixo, todos agardarán a que os convides unha outra vez a xantar.

Si, todos eles son produtos de Lugo mais talvez poidas tamén mercar dentro de pouco os Produtos de Granada.

Hoxe unha delegación da Deputación de Granada visitounos para coñecer a nosa plataforma coa idea de implantar un proxecto semellante na súa provincia. Ademais na reunión técnica no Departamento de Novas Tecnoloxías do Pazo de San Marcos, a delegación desprazouse ata O Corgo e Becerrea para aprender da experiencia de dúas das empresas que ofertan os seus servizos na plataforma, “Jamones González” e “Tiempo y Paciencia”.

Agardaremos, pois, á iniciativa andaluza para engadirlle á nosa mesa os espárragos de Huétor-Tájar ou o aceite de Denominación de Orixe Monte de Granada.

Máis información | A Deputación de Granada considera modélica a plataforma de comercio on line de Lugo e estuda implantala na súa provincia

Deixa un comentario

Os santos que acabaron a pedradas en Viveiro

Continuamos a viaxe pola provincia con Xoán de Muxa. Hoxe recalamos nun lugar onde antigamente se criaban, dentro da auga, moluscos e outros animais e a que lle debe o nome, Viveiro. Con todo, existen algúns historiadores que consideran que o nome Viveiro non procede do latín senón das linguas célticas, sendo unha composición das palabras Bi (montaña) e Ber (empinada), teoría esta que se reforza ao estar a localidade rodeada de outeiros.

Dous deles protagonizan as paradas de Xoán de Muxa, cada un co seu santo e coa súa capela: San Martiño, no monte Castelo, e San Roque, dous noutrora moi amigos que un día acabaron por reñer e separarse para sempre: cada un marchou para cadanseu monte.

Mais a liorta entre eles non acabou aí. San Roque, aínda cabreado, comezou desde o seu outeiro a tirarlle pedras a San Martiño, sen moita fortuna. Ata o San Martiño burlábase da mala puntería de San Roque, o que contribuíu a que o cabreo aumentase: non parou ata que non quedou ao seu redor ningunha pedra que tirarlle.

Din en Viveiro que é este o motivo polo que o monte de San Roque non ten ningunha pedra mentres que o de Castelo está inzado, algunha delas con cazoletas de diferentes formas. A auga que apoza nelas emprégase para as dores dos oídos, dos ollos e para os males da cabeza.

Para alén do seu patrimonio natural, Viveiro dispón dun variado catálogo patrimonial, no que destacan os seus monumentos históricos de tipo civil e relixioso e o seu patrimonio artístico-cultural. Así mesmo, tres das súas festividades, a Semana Santa, a Rapa das Bestas de Candaoso e a Romería do Naseiro, son consideradas como festas de interese turístico nacional.

Viveiro ten moitos motivos para non perdelo e de seguro coñeces algún máis. Agardamos as túas suxestións e tamén, para a próxima visita para descubrir xuntos os tesouros que agocha a nosa provincia.


Ver E logo ti, de onde ves sendo? num mapa maior

Ficha de Viveiro

Comarca: Mariña Occidental
Poboación: 16.211 hab. (2010)
Área: 109,3 km²
Densidade: 146,86 hab./km²
Páxina web: www.viveiro.es

Deixa un comentario

Informativo «Lugo de Norte a Sur» do 11 de maio

Como todas as semanas, compartimos con vós o Informativo Lugo de Norte a Sur que produce a Fundación Tic e que nos achega as novidades da provincia. Nesta edición, as novas máis salientables son o recurso que imporá a Deputación de Lugo sobre o decreto de servizos sociais e as consecuencias deste na provincia, o repaso á Gala Lvcvs Moda ou a estrea do vídeo do alumnado do Centro Galén con que España lavará as mans, entre outras.

Primeira parte


Segunda parte


Terceira parte

Deixa un comentario

Todo un século de vida por contar

Os ollos de Silvina Gómez López viron pasar dúas guerras mundiais, dúas ditaduras, a II República, o nacemento da democracia e da nosa autonomía. De seguro moitas foron as bágoas que deles brotaron mais tamén moitas as ledicias que os fixeron brillar. Silvina naceu alá polo ano 1909 e José Fernández Macía no 1916, dúas persoas que con certeza que teñen moito que contar e nós moito que deles aprender.

Silvina e José son as persoas de maior idade do Concello do Incio que esta fin de semana honrou aos seus maiores na tradicional Festa dos Avós. Máis de 500 persoas asistiron á súa homenaxe e celebraron unha xornada de convivencia, que este ano chegou á súa 22 edición.

Deixa un comentario

O grande escaparate da Gala Lucus Moda para os novos talentos


Deseño gañador do Certame de Novos Deseñadores, de Verónica Marí Granda

A terceira edición da Gala Lvcvs Moda serviu para promocionar un ano máis o talento dos deseñadores, os artesáns e, tamén, das perruquerías e dos estilistas da provincia. A súa ampla difusión nos medios de comunicación tradicionais e nas rede sociais garantiu unha vez máis a proxección de todos os participantes como xa aconteceu nas galas precedentes.

Pero, ademais, unha das principais novidades desta edición foi que a pasarela se abriu aos novos deseñadores de Lugo co Concurso de Novos Deseñadores. O certame que convocou a Deputación de Lugo partiu co obxectivo de fomentar os novos valores no deseño na provincia, así como potenciar a industria deste sector e, principalmente, o emprego xuvenil.

Verónica Marí Granda con «Boluxo: Vida-Muerte-Vida», Gloria López Santomé con «Lucus Amoenus» e Silvia Sánchez Corral con «No quemes lo que más quieres» foron por esta orde as nosas novas deseñadoras. Ademais dunha pequena achega económica, tiveron como agasallo lucir os seus deseños e acaparar o centro de atención do público asistente e sobre todo dos especialistas e mais medios de comunicación que se desprazaron, unha grande oportunidade para darse a coñecer e para presentarse do mellor xeito ante o mundo da moda.

E abofé que a aproveitaron: os seus deseños, cheos de orixinalidade e de creatividade, ademais de sorprender, serviron para demostrar o talento destas novas promesas que chegan con forza ás pasarelas e ás que desexamos un grande e venturoso porvir.

Imaxes de dreamingofclothes.com

Deixa un comentario

O valor da acción social de tres das nosas asociacións

A conciencia e o labor desinteresado das nosas asociacións é unha parte esencial para mellorar como sociedade e para crear xuntos unha provincia mellor. Hoxe presentámosvos o traballo que realizan tres destas asociacións: A Sociedade Protectora de Animais e Plantas, a Fundación Juan Soñador e a Asociación Cultural Proxecto Danza.

A Sociedade Protectora de Animais e Plantas leva case 30 anos de actividade na provincia. Na actualidade ten moitas dificultades para atender aos máis de 400 cans que acollen, mais as catro persoas que están a traballar día a día no seu centro procuran o maior benestar e as mellores condicións dos animais que teñen ao seu cargo. Grazas ao seu labor de concienciación, este ano a Protectora acadou que máis de 480 cans fosen adoptados.

Pola súa banda, a Fundación Juan Soñador é unha iniciativa que leva dez anos a traballar cos «soños e os compromisos» no campo da prevención, da educación e da promoción social de nenos e nenas, adolescentes, mozos e familias, que se atopan en situación de risco exclusión social. Para conmemorar este aniversario, teñen preparadas novas actividades de divulgación social e de inserción laboral que se realizarán por toda a xeografía española.

Proxecto Danza é unha asociación aberta e sen ánimo de lucro, que naceu na capital no ano 2009. Dende entón, artistas da provincia compoñen innovadores espectáculos co fin de impulsar a danza e de dar a coñecer os novos talentos lucenses desta arte. Actualmente, están a traballar nun proxecto denominado “Latexo”, que mestura a videocreación coa música en directo. Ten a súa orixe no baile tradicional mais tamén inclúe movementos de arte urbano e hip hop.

Hoxe, a Deputación de Lugo vén de asinar convenios de colaboración coas respectivas asociacións para promocionar e divulgar xuntos o seu importante labor. A través destes convencios, a Fundación TIC realizará traballos audiovisuais para difundir entre todos nós as súas accións.

Deixa un comentario

Informativo «Lugo de Norte a Sur» do 4 de maio

Como todas as semanas compartimos con vós o informativo «Lugo de Norte a Sur» que produce a Fundación Tic e que nos achega as novidades na provincia. Desta volta, as noticias máis salientables son a nova liña de microcréditos para emprendedores do Concello de Lugo, os preparativos para o Arde Lucus e pasamos pola Pontenova a gozar da súa Feira da Troita.


Primeira parte


Segunda parte


Terceira parte

Deixa un comentario

A Gala Lucus Moda nos medios

Se hoxe ameciamos coas portadas dos xornais nas edicións impresas e electrónicas con referencias á Gala Lucus Moda, comezan a chegar as primeiras reportaxes do evento que converteu Lugo na capital da moda galega.

As cámaras da Fundación Tic recolleron cada detalle da gala e con eles crearon un programa especial que se poderá ver integro en diferentes canles de televisión. A primeira delas será Tele Lugo, que a ofrecerá mañá a partir das 22.00 h.

Esta reportaxe tamén será distribuída por Centro de Contenidos, unha empresa pioneira audiovisual para a TDT e que ofrecerá a Lvcvs Moda a diferentes canles. Mentres agardamos para gozar da súa totalidade nas pantallas, deixámosvos este pequeno aperitivo.

A Gala Lucus Moda nos medios

A III edición da cita lucense coa moda protagonizou hoxe a portada de El Progreso de Lugo e do xornal De Luns a Vernes, distribuído de xeito gratuíto en toda Galicia.

Pola súa parte, La Voz de Galicia tamén fixo unha ampla cobertura da cita, en que se inclúe unha galería de imaxes e un vídeo subido ao pouco de comezar o acto.

Ademais, a Gala Lucus Moda tamén se deixou notar con forza na rede, do que vos compilaremos as mellores ligazóns.

Deixa un comentario

A vila que se desprazou 18 quilómetros sen mover unha pedra

O punto de partida da nosa etapa de hoxe comeza no centro dunha das sete cruces do escudo de Galicia, a catedral de Mondoñedo, onde Álvaro Cunqueiro ficou inmortalizado para solaz da súa vista. Mais Mondoñedo é unha vila peculiar: desprazouse, xunto coa súa catedral, 18 quilómetros sen mover unha única pedra. Como foi posible?

O nome de Mondoñedo non naceu no lugar que hoxe denomina, senón en Foz. En 1112, a raíña Urraca trasladou a Sé Episcopal de San Martiño de Mondoñedo en Foz á pequena igrexa de Santa María de Valebria, tamén documentada como Vilamaior do Val de Brea. Este desprazamento respondeu a cuestións estratéxicas: o núcleo estaba situado nun lugar idóneo afastado da, pola altura, perigosa costa. É posible que o desprazamento se deba a protexer o episcopado das numerosas incursións normandas e viquingas que as nosas costas sufrían.

Coa chegada de tal importante institución, a pequena localidade recibirá a categoría de cidade por Alfonso VII e, co paso do tempo, o antigo Valebria irá ficando no esquecemento para adoptar o nome de que procedía a sé episcopal, Mondoñedo.

Mondoñedo é un lugar idóneo para deixarse levar polo seu casco vello, declarado Conxunto Histórico-Artístico, e visitar, entre outras, a catedral do século XIII; cruzar en homenaxe a Isabel de Castro a Ponte do Pasatempo ou perderse entre as súas rúas.

Con todo, a súa privilexiada localización sérvenos para descubrir, como nos fai Xoán de Muxa, paraxes incomparables como o río Tronceda e, cun pouco de valentía, achegarse ás Covas do Rei Cintolo, a máis grande de toda Galicia.

Neste precioso marco, rematamos hoxe o camiño pola provincia de Lugo citándote para unha nova etapa. E lembra que agardamos as túas suxestións, consellos ou historias sobre cada un dos lugares que visitamos para coñecer mellor entre todos a nosa provincia.


Ver E logo ti, de onde ves sendo? num mapa maior

Ficha de Mondoñedo

Comarca: Mariña Central
Poboación: 4.508 hab. (2009)
Área: 142,7 km² Densidade: 32,26 hab./km²
Entidades de poboación: 15 parroquias
Páxina web: www.concellomondonedo.es

Deixa un comentario