Gala Lucus Moda 2012, unha noite inesquecible

Onte Lugo vestiuse de gala para vivir unha noite que moitos tardarán en esquecer, a III edición da Gala Lucus Moda. O público, que ateigou o Salón Rexio do Círculo das Artes, disfrutou coas creacións espectaculares e sorprendentes das cinco firmas que nos acompañaron ou coa presentación da temporada 2012 da nosa madriña, Kina Fernández.

Do mesmo xeito, moi poucos quedaron indiferentes ante os complementos que os 15 artesáns crearon para a ocasión ou cos peiteados que algún podería considerar imposibles se non os vise cos seus propios ollos.

Mais talvez quen tarde tempo en esquecer esta noite son as novas deseñadoras da provincia: Verónica Marí Granda, que levou o primeiro premio cunha creación onde o vimbio se converte en moda, Gloria López Santomé, que acadou o segundo; e Silvia Sánchez Corral, o terceiro. As tres mulleres presentaron uns deseños arriscados e, sobre todo, creativos que lle auguran un grande porvir no mundo das pasarelas.

A velada estivo chea de grandes momentos, desde a confesión da timidez de toda unha referente da moda española como é Kina Fernández, ata aqueloutro en que o noso presentador, Liborio García, departiu, de xeito entrañable, coa súa familia, que o acompañou en primeira fila á cita coa moda lucense.

A III Gala Lucus Moda 2012 contou cunha ampla cobertura dos medios de comunicación. O alumnado da Fundación Tic non perdeu detalle de todo canto acontecía na pasarela e nos próximos días poderemos gozar do seu traballo. Ao mesmo tempo, os medios de comunicación tradicional e blogueiras especializadas asistiron para dar boa conta nos seus blogs e edicións e o evento contou con forte presenza nas redes sociais. A Deputación retransmitiuno en directo a través da súa conta de Twitter e Instagram mediante o hashtag #galalucusmoda.

Podes encontrar máis información sobre a gala na páxina da Deputación de Lugo ou nas seguintes ligazóns:

Deixa un comentario

Sigue a Gala Lucus Moda nas redes sociais

Esta noite Lugo converterase a partir das 21.00 h na capital da pasarela coa III edición da Gala Lvcvs Moda. O Salón Rexio do Círculo das Artes xa está preparado para recibirte e sorprenderte coas creacións dos 5 deseñadores e os 15 artesáns, os peitedados dos nosos 10 perruqueiros especializados en moda e o traballo minucioso dos máis de 100 profesionais.

Mais, se non puideches conseguir unha das entradas, axudámosche a que non perdas detalle do acontece a través das nosas redes sociais. Na nosa conta de Twitter (@depulugo) poderás seguila a mediante do hashtag #galalvcvsmoda.

Esa mesma etiqueta empregarémola na rede social do momento, Instagram, para subir as mellores fotos dos deseños e do desfile. Se es moi fan das fotos con filtro, búscanos co nome de usuario @depulugo. Estas imaxes, ademais, formarán parte dunha galería na conta que mantemos en Flickr.

Tamén faremos unha cobertura especial na páxina de páxina de Facebook, onde poderás estar ao tanto dos mellores momentos a tempo real.

Vémonos ás 21.00 h no Salón Rexio do Círculo das Artes e, se non, nas redes!

A Deputación de Lugo nas redes sociais

Deixa un comentario

Por unha axuda do fogar da que non podemos prescindir

A Axuda no Fogar é unha das prestacións básicas de servizos sociais que ten por obxectivo o coidado e integración social no propio contorno daquelas persoas que por razón de idade, problemas familiares ou precariedade de medios precisen da axuda doutras persoas para poder desenvolverse na súa actividade diaria.

Con todo e a pesar da grande importancia destas axudas, máis de 3000 persoas poden quedar sen a súa Axuda no Fogar a que tiñan dereito e outras 2000 poden quedar sen emprego. Estas son as consecuencias que pode sufrir a provincia de Lugo de continuar vixente o Decreto 99/2012 en que a Xunta de Galicia exclúe a todos os concellos menores de 20.000 habitantes dunha axuda que é esencial para o día a día.

Hoxe, a Deputación de Lugo anunciou que presentará un requirimento para esixir á Xunta que derrogue o citado decreto que deixaría sen cobertura á práctica totalidade dos concellos da provincia.

Durante os últimos anos, a Deputación de Lugo concedeu aos Concellos 1.600.000 euros en subvencións para cooperar co financiamento das Axudas no Fogar. Pola contra, a Xunta, que está obrigada por lei a financiar os Servizos Sociais, suprimiu esta axuda por completo este ano na provincia, o que provacará que 66 concellos lucenses queden sen a súa contribución, hoxe máis necesaria ca nunca.

Que opinades?

Deixa un comentario

Conta atrás para a Gala Lucus Moda 2012

Xa temos os deseñadores e os artesáns, o presentador e mais a madriña de excepción para a Gala Lvcvs Moda. Só faltas ti e aínda estás a tempo para que che gardemos unha butaca das moi poucas que quedan dispoñibles.

A cita tela no Salón Rexio do Círculo das Artes, que xa está vestido de gala para acoller, desde as 21.00 h, a terceira edición da pasarela lucense, desta volta centrada na homenaxe á Reserva da Biosfera das Terras do Miño.

A ela dedicaranlle as súas creacións as cinco firmas de deseño, as 15 de artesanía e, por vez primeira, 10 perruquerías especializadas en moda. No medio da gala, ademais, coñeceremos unha das moitas sorpresas que nos deparará a noite, como é o nome do gañador do I Concurso de Novos Deseñadores da provincia.

Outra das novidades que presenta a edición deste ano será a distribución entre os asistentes da información necesaria para adquirir as creacións dos deseñadores e artesáns presentes na pasarela de moda. E, como broche de ouro, poderás degustar unha selección de viños e produtos gastronómicos lucenses.

Xa sabes algunhas das sorpresas que nos deparará a noite, pero quédanche moitas por coñecer. O resto, non chas podemos contar; has ser ti quen as descubra.

As últimas entradas para non perderte a cita telas nos seguintes lugares. Agardámoste?

  • Servizo de Protocolo-Deputación de Lugo. Rúa San Marcos, 8 (Lugo). Horario de mañá. Teléfono de atención ao público: 982 260 060
  • Luis Areñas para Manuela López. Galerías Praza Maior/ Campo Castelo, 10. Local 5. (Lugo) 982 221 102
Deixa un comentario

Acompañamos os nosos superexploradores das Terras do Miño

Os nosos superexploradores xa están á procura dun dos nosos maiores tesouros. Coa axuda dun compás, un mapa, uns prismáticos e, sobre todo, coas súas ganas de pasalo ben viviron unha experiencia irrepetible nalgún dos lugares que forman a Reserva da Biosfera Terras do Miño.

Esta fin de semana, 70 rapaces da Zona Sur da provincia cargaron a súa mochila de ilusión e desprazáronse cara á Lagoa de Cospeito. Alí gozaron desta paraxe natural, viron en acción, por vez primeira, unha londra e escoitaron as lendas que a rodean.

Mais a experiencia non remata aquí. Durante os sábados do mes de maio, outros peques da provincia lanzaranse a descubrir as Terras do Miño e o teu pode ser un deles. Anotámolo?

Deixa un comentario

O enfeitizo dunha comarca única: Os Ancares

É moi difícil atopar unha comarca tan singular e natural en toda Galicia e, sobre todo, que acredite ser Reserva da Biosfera, Reserva Nacional de Caza Maior, Espazo Protexido, lugar de Importancia Comunitaria e Zona de Protección do Oso Pardo. Talvez por iso, este sábado centos de persoas sentíronse atraídas pola maxia que agochan os Ancares.

A través dunha campaña que a Deputación de Lugo está a levar a cabo no Centro Comercial Dolce Vita, estanse a difundir os recursos medioambientais, etnográficos e culinarios desta espazo sen igual. A xornada deste sábado consistiu en degustacións de produtos derivados do porco celta e o sorteo de estadías en casas de turismo rural, cestas de produtos autóctonos, rutas e obradoiros de oficios tradicionais. Todos os obsequios están pensados para que os agraciados coñezan a maxia que atesouran Os Ancares lucenses.

Se non tiveches a oportunidade de te engaiolar con todo o que che ofrece esta comarca, aínda estás a tempo. Durante o mes de maio, o stand continuará aberto polas tardes de 17.00 a 21.00 h e os sábados de 18.00 a 22.00 h. Ademais, o vindeiro 19 de maio terás outra oportunidade de ser unha das persoas gañadoras de algún dos sorteos e gozar dos produtos de Lugo.




Deixa un comentario

Kina Fernández será a madriña da Gala Lucus Moda

Hoxe desvelamos outro dos segredos que vos tiñamos gardado: a madriña da Gala Lucus Moda 2012 será Kina Fernández, unha das modistas internacionais máis prestixiosas e unha das mellores embaixadoras da moda galega no mundo das pasarelas.

Kina Fernández, ourensá do Bolo, aos 18 anos marchou a París, cidade para que a nova desperta xa o seu interese. Chea de inquedanza e de constancia, comeza un período de aprendizaxe do oficio de modista que aínda hoxe continua.

Anos despois, volta a Galicia coas maletas cheas de desexos e de ideas. Abre unha pequena tenda na Coruña, onde se dedicou á venda de produtos de cosmética e á importación de roupa francesa. A boa marcha do negocio lévaa a iniciar a fabricación dos seus propios deseños e prendas para o seu comercio e que lle servirá tamén para abrirse a terceiros. É así como decide subir un chanzo e abrir a súa propia fábrica xa en 1979.

Pouco a pouco foi creando o seu estilo propio e facéndose un espazo ata que en 1985 lanzou a primeira liña co seu nome. Desde entón, a proxección desta muller non parou de medrar. Ademais de estar presente ininterrompidamente na pasarela Cibeles desde 1999, nese mesmo ano, as creacións de Kina Fernández pasean na capital francesa, no mítico Carrousel do Louvre, escenario compartido con casas de moda como Channel ou Dior.

A súa última colección recolleu un grande éxito de crítica nas semanas da moda de París e Londres, das que é asidua. Precisamente estes días vén de exhibir as súas creacións na Semana da Moda de Bratislava, onde acudiu ao ser nomeada “Deseñadora Internacional Vip”. Os numerosos recoñecementos obtidos por esta deseñadora galega son mostra deste nivel: o galardón a “Mejor diseñadora de Moda” outorgado por EL Arte de Vivir, a Medalla Castelao ou o premio “Galicia en Feminino de Creación”.

As súas coleccións destacan pola elegancia como símbolo da feminidade e pola fusión entre a vangarda e a tradición para unha muller exixente e atractiva. Podes coñecer máis sobre esta deseñadora na súa páxina web ou mesmo pasares pola súa boutique na Praza Maior de Lugo.

Consulta | Outros participantes na Gala Lvcvs Moda 2012

Deixa un comentario

Non se colle a troita coa braga enxoita

Se algo caracteriza as troitas dos nosos ríos, á parte do sabor, son as súas pintas vermellas. Disque no tempo da Reconquista houbo unha batalla entre os mouros e os cristiáns preto do Castro do Viso, no Incio. Tal foi a cantidade de sangue que se verteu que foi dar ao río Mao, e deste ao Cabe e do Cabe ao Sil e do Sil ao Miño. Todos os ríos avermellaron e desde aquela as troitas teñen as súas pintas.

Sexa ou non verdade a lenda, o certo é que «non se colle troita coa braga enxoita» como di o refrán e este primeiro de maio na Pontenova puxeron en práctica o dito na XXXIV Festa da Troita, cun novo rexistro de capturas.

Para repoñer forzas, houbo a tradicional degustación deste salmónido en que se seguiu o consello do mindoniense Álvaro Cunqueiro: «a mellor troita é a que ten as catro “f”: fría, frita, fresca e fiada».

Deixa un comentario

Participantes na Gala Lvcvs Moda 2012: Cecilia Carballo

Houbo unha época en que o liño non estaba de moda, era a moda. Durante séculos, foi a fibra máis empregada en Galicia para a elaboración de roupa, desde a decotío á de gala. Aínda que o seu cultivo case desapareceu da nosa xeografía, o liño volveu á moda grazas á alta costura e tamén ao empeño de artesáns como Cecilia Carballo.

Cecilia mantén un obradoiro de elaboración de produtos téxtiles desde hai 15 anos no concello de Triacastela. A súa especialidade é o liño, mais tamén o algodón e a la teñen un lugar destacado. Elabora prendas de fogar e chales, ademais de traxes tradicionais á medida para todo tipo de celebracións e mesmo vodas.

Este é o seu segundo ano na Gala Lvcvs Moda. Conta, ademais, cunha ampla traxectoria de exposicións por Galicia, Asturias e País Vasco.

Cecilia Carballo

Contacto: Ramil, s/n 27632. Triacastela

Consulta | Outros participantes na Gala Lvcvs Moda 2012

Deixa un comentario

Participantes na Gala Lucus Moda 2012: Ramón Álvarez

Hai dúas décadas, Ramón Álvarez dedícase con esmero e moito cariño a conservar a artesanía do baixo lizo, ao que lle está a dar tamén o seu selo persoal e o toque de distinción e de actualidade.

Conta cun obradoiro en Lugo e elabora toallas, bufandas, fulares e chales, ademais de prendas de traxes rexionais e tinguiduras artesás.

Ramón Álvarez recibe pedidos e realiza envíos por toda España e, como complemento, imparte cursos de diversas técnicas de tecido. Este é o terceiro ano que nos acompaña na Gala Lvcvs Moda.

Ramón Álvarez

Contacto: Río Ulla 29-3º, Lugo
Web: www.ramonalvarez.es

Consulta | Outros participantes na Gala Lvcvs Moda 2012

Deixa un comentario